Ir o contido principal
Concello
A Baña
Descrición

🌱 A Horta A Castiñeira busca persoa para asumir a xestión da explotación ecolóxica

A Horta A Castiñeira é un proxecto de agricultura ecolóxica e sostible orientado ao mercado local. Buscamos unha persoa con formación e experiencia en agricultura ecolóxica para asumir a xestión e responsabilidade da explotación.

Buscamos alguén que queira facerse cargo do funcionamento da horta no seu conxunto: planificar os cultivos, organizar o traballo, tomar decisións, facer o seguimento da produción e coordinar a comercialización dos produtos.

A incorporación pode facerse de maneira progresiva, para que a persoa teña a oportunidade de coñecer ben a explotación, os seus cultivos, os sistemas de traballo e as canles de comercialización antes de asumir plenamente a xestión.

Responsabilidades

A persoa que se incorpore será responsable de:

  • Planificación e organización dos cultivos.
  • Planificación das tarefas e organización do traballo diario.
  • Preparación do terreo.
  • Sementeira e plantación.
  • Labores de mantemento, desherbado e coidado dos cultivos.
  • Colleita e preparación dos produtos.
  • Aplicación de tratamentos autorizados en agricultura ecolóxica.
  • Organización e preparación dos pedidos.
  • Organización e entrega dos pedidos.
  • Xestión do libro de explotación.
  • Seguimento da produción, dos cultivos e das necesidades da horta.
  • Planificación das necesidades de materiais, sementes e outros recursos.
  • Coordinación xeral do funcionamento da explotación.

A finca e as instalacións

A explotación conta cunha superficie total de 15.000 m², con diferentes espazos destinados á produción:

  • Invernadoiro de 300 m² destinado a horta.
  • Invernadoiro de 150 m² destinado a horta.
  • Invernadoiro de 180 m² con sombreo, destinado ao cultivo de cogomelos shiitake.
  • 2.500 m² de terra cultivable.
  • Aproximadamente 300 m² de froitos silvestres: amoras, framboesas, grosellas e arándanos.
  • Froiteiras plantadas hai 3 anos: maceiras, pereiras, figueiras, pexegueiros, aveleiras e nogueiras.
  • Sistema de rego automático.
  • Auga dispoñible durante todo o ano.
  • Certificación ecolóxica CRAEGA.

Un proxecto conectado co territorio

A Horta A Castiñeira forma parte de Daquí Darredor, unha iniciativa que traballa para fortalecer os sistemas alimentarios locais e os circuítos de proximidade, conectando produción, transformación, comercialización e consumo.

O proxecto forma parte tamén de KmTierra, unha rede que permite compartir experiencias e aprendizaxes con outras iniciativas agroecolóxicas de diferentes territorios.

Coñece o proxecto Daquí Darredor – KmTierra

Formar parte de Daquí Darredor

Formar parte de Daquí Darredor significa contar con recursos e infraestruturas compartidas que poden facilitar o desenvolvemento da explotación e a comercialización dos seus produtos.

  • Elaboración e transformación de produtos: posibilidade de utilizar as cociñas colaborativas de Daquí Darredor, que contan con rexistro sanitario, para elaborar e transformar produtos da explotación e comercializalos. Isto permite, por exemplo, dar saída a excedentes da horta mediante conservas, salsas, marmeladas ou outros produtos elaborados.

  • Comercialización e distribución local: acceso á plataforma de comercialización e distribución de Daquí Darredor, que facilita a venda e distribución dos produtos dentro de circuítos curtos e mercados locais.

  • Rede e acompañamento: formar parte dunha rede de iniciativas que comparten coñecementos, recursos e experiencias arredor da produción e da alimentación local.

Para a persoa que asuma a xestión da Horta A Castiñeira, isto supón contar non só cunha explotación xa en funcionamento, senón tamén cunha rede de apoio, infraestruturas compartidas e canles de comercialización que poden facilitar o desenvolvemento e crecemento do proxecto.

Que persoa buscamos?

Buscamos unha persoa:

  • Con formación e experiencia en agricultura ecolóxica.
  • Responsable e comprometida.
  • Con capacidade para traballar con autonomía e organizarse.
  • Con interese por asumir responsabilidades e tomar decisións.
  • Con visión de conxunto da explotación, máis alá das tarefas agrícolas concretas.
  • Con capacidade para planificar e organizar o traballo.
  • Que queira implicarse nun proxecto local, sostible e en crecemento.
  • Con interese en asumir a xestión integral dunha explotación agrícola.

Incorporación

A finalidade do posto é que a persoa asuma a xestión da explotación.

Para facilitar este proceso, existe a posibilidade de comezar cun contrato de traballo, durante o tempo que sexa necesario para coñecer a explotación, os cultivos, o funcionamento diario e as diferentes áreas de xestión.

A medida que a persoa vaia adquirindo coñecemento e confianza, poderá asumir progresivamente máis responsabilidade, ata sentirse preparada para levar a explotación pola súa conta como persoa autónoma.

Neste momento, a persoa pasaría a xestionar directamente a actividade da explotación e a obter da propia actividade os ingresos necesarios para remunerar o seu traballo.

O tempo desta transición non está pechado de antemán: dependerá da experiencia da persoa, do seu proceso de aprendizaxe e de cando se sinta preparada para asumir a xestión de maneira autónoma.

A proposta, polo tanto, é ofrecer unha entrada acompañada e flexible, cunha posible transición desde o traballo por conta allea ata a xestión autónoma da explotación.

Contacto: ola@anecico.com

Tipo de anuncio
Traspaso