Ir o contido principal

Ola! Son Mónica, titular da gandeiría As Vacas dos Meus, en Abadín.

Como gandeira e veciña do rural, teño vivido moitas veces a frustración de precisar axuda para un traballo e non atopar a ninguén. É unha sensación de impotencia que sei que non é só miña: repítese en aldeas, parroquias e cidades por toda Galicia.

Así naceu Vacantes.gal.

O que comezou como unha pequena idea para conectar persoas e facilitar traballos, medrou e transformouse grazas ás achegas e suxestións de quen cre no rural. Porque esta non é só unha web: é unha man tendida, unha rede feita entre todas e todos, para compartir talento, apoio e futuro.

Hoxe, Vacantes.gal é un espazo aberto para quen quere vivir e traballar no rural. Aquí podes ofrecer ou atopar servizos, crear comunidade con outras persoas, pero tamén buscar ou anunciar vivenda, fincas, traspasos de negocios ou explotacións… en definitiva, todo aquilo que dá vida ao noso territorio.

Este proxecto é voso. Naceu co corazón grande e segue a medrar con cada idea, cada mensaxe e cada ilusión compartida.
Se ti tes algo que aportar —un servizo, unha proposta, unha vivenda, unha oportunidade—, súmate. Faino visible. Xuntas e xuntos estamos tecendo unha rede de apoio mutuo, de cooperación e de esperanza. Este é un medio de comunicación e contacto directo co rural real.

A plataforma é gratuíta, pero o que pode aportar ao rural non ten prezo.

Grazas por crer. Grazas por coidar. Grazas por facer posible un rural vivo.