A gandeira lucense Mónica Requeijo promove o proxecto Vacantes.gal. Trátase dunha páxina web galega que conecta persoas no rural e ofrece unha rede de contactos para cubrir necesidades tanto laborais como sociais.
A plataforma non se limita a ofertas de emprego, senón que facilita o encontro entre quen busca profesionais, colaboracións ou servizos. Nace co obxectivo de fomentar a busca de traballo no rural, onde a industria leiteira ten un peso fundamental.
A súa creadora afirma que "a idea é crear unha rede de contactos e, no momento en que alguén necesite unha persoa para facer un traballo, acuda á plataforma como quen consultaba un listín telefónico".
"Se un gandeiro precisa un operario para muxir, podería acceder ao buscador de persoas e comprobar se no seu concello se oferta algún traballador e poñerse directamente en contacto con el", engade.
Vacantes.gal leva en funcionamento tres semanas e xa hai trinta persoas na plataforma que ofrecen os seus servizos.